miércoles 26 de noviembre de 2008

Fonética Acústica


Cun espectrograma da súa dor
analizou os formantes da vogal átona do futuro que lle espera.
A frecuencia dos ciclos da lúa minguante
converteurse nunha onda complexa sen harmónicos de esperanza.
Non atopou os seus resoadores,
perdéranse nun sonograma anterior.
Os pregues deixaron de emitir voz,
dixeron que a vibración lles provocaba cancro.
Nun rexistro de banda estreita
os pensamentos saen como oclusivas, antes: un espazo en branco.
30 Hertzs de paranoia.
O ruído das sibilantes da túa voz de agulla.
Un préstamo: a nada.

sábado 15 de noviembre de 2008

Epístola de Paulo a Aroa.


Escoito o ¡sloomp!, e as portas do tren indícanme que a saída é inmediata. Pouco a pouco comeza a andar e eu despídome de Compostela, nesa hora na que as luces se acenden.

Estas son as liñas dun adeus, aínda qeu a túa perdida, como mínimo, esperará uns meses.

Gustaríame ser tan egoísta como para poder dicirche que non quero que marches, para pedirche que quedes ao meu carón, pero eu non son así.

Agora penso neses infinitos momentos de soidade conxunta, nos bicos ás agochadas. O sexo contigo doe pois tócasme sempre como se fose a primeira vez, e eu sempre teño medo a que sexa a última.


Non cho direi, pero botareite en falta, a miña cama quedará baleira, e pouco a pouco irá perdendo o teu cheiro, e despois olvidareino, como as faccións da túa cara, e serás só un fantasma de melancolía.

martes 4 de noviembre de 2008

Para a que un día foi Monique.


Realizando unha escolla foi o ti o único que atopei viábel.


Gustaríame dicir como nas cancións que chegaches así sen avisar, pero desta vez no quixera utilizar tópicos.
O que si é certo é que te agardaba, aínda que eu mesma non o sabía.
A túa presenza foi un golpe visual, vin en ti o que eu sempre quixera ser, pero daquela non me chegara o tempo.
Precisaba encher un baleiro, e ti non te conformaches cun anaco e abarcáhesme toda por dentro.
Dúas caras dunha mesma moeda (merda outro tópico).
Disfruto facéndote rir ata as bágoas, miña nena, meu doce de brownie (as noces póñoas eu).
Sempre estou perdida, coma ti, pero semella que cando nos damos a man atopamos a luz ceo e sangue da patria, nazareno da nosa capacidade de sacrificio, as campaíñas ledas de mil máis un sorriso.

Atopamos, eu creo, un egoísmo compartido.

blogalego - buscando nos blogs en galego!